Delmorrazo.com
Conectate al Morrazo
Concellos
Indispensables
Donde ...
Guia

  Tristura por un carballo caido ::
Dicíame o outro día un viciño de Moaña: - para min non hai cousa máis triste no mundo, e mire que lle hai cousas ben tristes polo mundo adiante, que mirar cair ó chan un deses carballos vellos, centenarios moitos deles, vellos e cheos de vida e miralo caír pola acción da motoserra no chan. ¡¡¡¡¡Blooom!!!! e acabáronse anos e anos de dar vida ó bosque. Rematouse un dos recursos madereiros máis antigos e de calidade desta terra.
Antes se lle podaban as polas, pero agora nada, arrasan con eles e prantan eucaliptos e máis eucaliptos.
E é verdade, é unha das realidades máis tristes desta nosa terra, unha terra chea de ignorancia e sentementos individualistas en canto ós bens comúns, sen pensar no futuro dos nosos propios recursos que son moitos e de calidade. Porque non falemos nunha taberna que os eucaliptos son malos, que había que arrincalos ou cousas deste tipo, porque respostaránte con calquera lindeza ou misturarán “churras con merinas” (perdoen a lincencia castelán) para acabar dicindo que non tes nin idea e poder leva-la razón. O cal aínda é bastante máis triste. Hai eiquí un verdadeiro culto a esta especie.
Ademáis de que logo escoitas cousas dalgún político, quenes non merecen ser nomeados eiquí, dicindo que os eucaliptos nesta terra teñen tanto dereito a estar coma os castiñeiros, que os romanos trouxeron a estes últimos e non son considerados coma especie foránea ou introducida. Haberíalle que dar a éste co rexistro fósil de especies botánicas nos fuciños para que aprendera a falar con coñecemento ou polo menos se asesorase antes de dicir algunha que outra cousa.
Antigamente, e aínda agora, o que se cortaban eran as polas das árbores: carballos, castiñeiros ... para facer vigas, tablóns, en fin, para obte-la madeira necesaria para mobles, barcos (nosa carpinteiría de riveira), vigas das casas, zocas, cestas, etc. Hoxe os nosos montes están plagados de eucaliptos a rebentar, a rebenta-la terra. Poñamos o exemplo do Monte do Faro de Domaio, o Xaxán ou Ghaghán (Jaján): Os máis vellos e non tan vellos, 50 anos ou os que os rondan, acordan que aparte de monte baixo de toxo e xesta, que en primavera escomenzábase a por amarelo da arrecente frol destes arbustos, había toda unha franxa de grandes carballos e castiñeiros, ademáis de piñeiros.

Os invernos eran por entón máis duros e chovía moitíiisimo máis e ata se escoitaba o lobo (alí quedou iso).

As augas baixaban polo monte abaixo en torrentes que se miraban cheos de escuma nas pequenas fervenzas, pero gran parte da auga era absorbida por esa vexetación arbustiva que actuaba coma unha esponxa , asumindo aquela auga, levándoa e filtrándoa ás capas freáticas máis profundas, enchendo os famosos manantiais que nesta zona da Península do Morrazo teñen sona de boa auga e que foron durante tanto tempo, baixo a sabiduría dos nosos antergos e mayores administradas como “auga do monte”.
Pois ben, plantouselle lume o monte, e non nos enganemos: as madereiras ou un madereiro (que a vida lle de eterno castigo por iso, non merece a terra da que comen el e os seus fillos) ou homes pagados por eles (eu tiven ocasión de miralo en Cabo Home de pequeno hai anos) ¿ e con qué repoboaron?, pois con eucaliptos. Crecemento rápido, moitíiisima auga e chupao, negocio feito.
E así andamos, co eucalipto coma especie única e masiva que chupa dos nosos recursos acuíferos, favorecendo a desertización e o desplazamento e omisión de moitas das especies autóctonas animais e vexetais que eran e son propias da zona. Para máis INRI agora fannos unha autovía ou corredor do Morrazo que modifica a formación do monte socabando de tal xeito que ha de secar manantiais, modificando ademáis a baixada natural das augas do monte nas épocas das choivas e tocando a nosa ben querida e non sempre ben tratada Fraga e o seu bosque autóctono. Porque levar xa a levaron por diante nun tramo que supoño será para pasar o corredor por riba cunha ponte ou viaducto que salve tal accidente orográfico. -Non querían “corredor” pois agora habémolo de comer con croques- dicía o outro día unha viciña.
Outra, pero de Cangas tamén dicía: -o señor alcalde chámanos ecologetas cando da verdadera peniña mirar agora para os nosos montes- e iso sen coñecer ben as verdadeiras repercusións que para o monte, ós nosos montes ha de traer, o dos recursos dos acuíferos penso que o máis grave. Pero falando das árbores, ¿tan rentable sae a madeira do eucalipto?¿a quén interesa?. Pero se prantando árbores de madeiras nobres coma nogueiras, cerdeiras, carballos, freixos, castiñeiros, etc, sácanselle máis cartos. Se por m3 de madeira de eucalipto dan 10 mil das antigas pesetas, por m3 de madeira de nogueira dan arredor dunas 300 mil, moitísimo máis rentable que ca explotación do cultivo do eucalipto, ó cal eiquí dáselle culto. Era o que me dicía o meu viciño: -eiquí hai un avergoñante culto ó cultivo do eucalipto-.
Cando meu compañeiro Javier de extremadura que traballou no Parque Nacional de Monfragüe veu a Galiza quedou alporizado da cantidade de eucalipto que había e da incipiente praga de acacia mimosa que estaba a xurdir na Galiza. –¡Pero si es que nosotros allí estamos trabajando por cuadrillas del pueblo para arrancar todo eucalipto que haya!- pois así somos eiquí, ¿qué queres?. Debemos ser a única comunidade autónoma que arrastramos este problema para a nosa terra. Asturias cecáis algo, pero moi pouco, e menos tendo excelencias naturais coma os Picos de Europa, Somiedo, Muniellos, etc por allí; Cantabria, nada de nada; Euskadi, ja ja, ni de broma. alí ,políticas a parte, saben moi ben o que é coidar do patrimonio e identidades culturais e naturais; Navarra, tampouco e máis tratándose do prePirineo a parte de ter xa zonas demasiado erosionadas pola acción do pastoreo, coida moitísimo seus bosques montañas e ríos do Norde; Aragón, Aragón, xa nos gustaría ter coidada Galiza coma teñen coidada a Aragón e coma perderse en bosques como xa non quedan na Galiza, polo menos tan antigos agás O Courel e parte de Ancares e unhas pequenas fragas en relación coma a do Eume, xa invadidos polo eucalipto. E así un longo etc. cos seus máis e os seus menos.
¿Cando escomenzaremos a repoboar cas nosas especies ó mesmo tempo que arrincamos os eucaliptos? ¿cando escomenzaremos a educar dende as nosas propias casas, dende os nosos fogares por unha terra sen envelenar, limpa, fértil, cos seus propios recursos ben explotados, consciente e responsablemente? ¿Cando escomenzaremos a ensinar ós nosos políticos, sexan da ideoloxía que sexan, a que non se pode obrar de calquera xeito, a progresar sen base educacional, a que o progreso (véanse: carreteiras, infraestructuras e demáis) pasa por unha política e respeto polas normas, leises e estudios conservacionistas do medio?

Hoxe en día que nos manifestamos por todo aquilo que repudiamos ¿cando nos votaremos á rúa para que non se produzan incendios forestais (nin naturais nin provocados) Nunca Máis? ¿Cando espertaremos ante algo tan triste e visto con tanta normalidade e impotencia coma son os incendios nesta terra? ¿Cando evitaremos a caída das nosas máis insignes e nobres árbores, os noso máis rexos carballos? Ou seguiremos impasibles coma dicían os Celtas Cortos naquela canción: “tranquilo majete en tu sillón”.

Gerardo Fernandez

Volver a TRIBUNA LIBRE >>

    Añade delmorrazo.com a favoritos   Añadir a favoritos         delmorrazo.com como página de inicio    Página de inicio           Imprimir esta web    Imprimir esta web
       Agrega tu enlace a delmorrazo.com      Agregar link        Sobre la edición de este sitio    Edición        Contacta con nosotros    Contacta
delmorrazo.com © Todos los derechos reservados